InicioA CORUÑAPiden a retirada dos 180 símbolos franquistas que aínda quedan na Coruña

Piden a retirada dos 180 símbolos franquistas que aínda quedan na Coruña

Publicada o

Por editor

O investigador e vítima do franquismo, Manuel Monge González, presentou este venres un escrito de 28 páxinas na Subdelegación do Goberno da Coruña para o Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, no que dá conta da presenza de 180 símbolos franquistas en rúas, prazas e edificios da Coruña.  Por iso pide que se aplique o artigo 36.1 de Lei de Memoria Democrática (LMD) para a súa retirada.

Neste Catálogo da Coruña hai 180 símbolos franquistas, entre eles, 30 rúas, 21 retratos, 28 distincións honoríficas, 83 placas, escudos, monumentos; 14 en dependencias do Ministerio de Defensa e 4 centros de ensino. Adxuntou, ademais, documentación que recolle os antecedentes desta situación, criterios para a eliminacións da simboloxía franquista e incumprimentos de leis, sentenzas e resolucións.

Finalmente, o escrito contén  unha breve biografía e unha análise comparativa. Así, dos 180 símbolos franquistas que quedan por retirar, 37 están relacionados cos alcaldes e alcaldesa na ditadura, lembrando que moitas cidades -Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Bilbao, Pamploa, Cádiz, etc- xa retiraron as rúas e distincións a estes alcaldes.

FRAGA E CALVO SOTELO

Ademais, lembra que Manuel Fraga, ministro na ditadura, conserva a distinción de Fillo Adoptivo da Coruña, concedida o 24 de decembro de 1968, cando os concellos de Ferrol e Cedeira xa aprobaron, tamén co voto do PSOE, retirar a Fraga todas as distincións.

Ademais, a Coruña ten dúas rúas dedicadas a José Calvo Sotelo; dá nome a un peirao, retratos, esculturas, placas,  é Fillo Adoptivo e Predilecto, pero Logroño xa cambiou o nome da súa rúa, en aplicación da Lei de Memoria Histórica, sendo Cuca Gamarra alcaldesa do PP.

Sergio Peñamaría de Llano conserva, entre outras, unha rúa e retrato, mentres o Pleno municipal de O Barco de Valdeorras, aprobaba por unanimidade -PSOE, que ten a alcaldía, PP e BNG- unha moción que  sinalaba crueis e asasinas accións de represión ao servizo da ditadura” e do “sinistro paso de Peñamaría pola comarca de Valdeorras”. A moción aprobada insta ao concello da Coruña a tomar en consideración a proposta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña en orde a substituír a rúa Alcalde Peñamaría de Llano pola de Mártires de Valdeorras”.

PRIMO DE RIVERA

Miguel Primo de Rivera, militar golpista e ditador, conserva unha avenida, retrato, Medalla de Ouro e Alcalde Honorario da Coruña, pero Logroño, con Cuca Gamarra como alcaldesa polo PP, cambiaba a rúa deste golpista por Ateneo Riojano.

Pedro Barrié de la Maza ten, entre outras distincións, unha avenida, retratos, placas, dá nome ao dique de abrigo, é Fillo Predilecto e Medalla de Ouro da Coruña, pero o concello de Sada -co voto a favor de Sada Maioría, BNG, PSOE e Alternativa do Veciños- cambiaba o nome da súa avenida e retiraba a distinción de Fillo Adoptivo; tamén Corcubión, con alcaldía do PSOE, retiráballe a distinción de Fillo Adoptivo; e a Lei de Memoria Democrática (artigo 41.1) retíralle o título nobiliario de Conde de Fenosa.

“Espero que estas 180 referencias da Coruña se incorporen ao Catálogo de simboloxía franquista que se está a elaborar a nivel de Estado. Adianto que, se o concello da Coruña persiste na negativa a súa eliminación, e tendo en conta o artigo 64.1 da LMD solicitarei as sancións previstas no artigo 62.2.d da LMD que considera infraccións graves “o incumprimento da resolución pola que se acorde a retirada de símbolos e elementos contrarios á memoria democrática prevista no artigo 37, cando entrañen descrédito, menosprezo ou humillación das vítimas ou dos seus familiares”, conclúe.

ÚLTIMAS

A Coruña, a unha finde do soño dos ascensos

Levamos semanas repasando o soño que vive o deporte coruñés co gran papel que...

O exalcalde Paco Vázquez únese a un manifesto que pide non votar ao PSC nas catalás do domingo

O exalcalde da Coruña e exembaixador no Vaticano, Francisco Vázquez, e o exministro do...

Transportes adxudica por case un millón a mellora de accesos ao porto exterior da Coruña

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable adxudicou por 973.011 euros (IVE incluído) a...

Baixa o paro na Coruña en abril

O número de parados rexistrados nas oficinas galegas dos servizos públicos de emprego baixou en...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here